La Prospe: 40 anos de educación popular, autoxestión e resistencia

25 laprospe.jpg

A veciñanza e os grupos desta escola popular madrileña reclamaron unha solución ao conflito co arcebispado nesta manifestación do ano 2000 / LA PROSPE]


Autoría Féliz Jiménez
Entidade
Ano
Temática Horizontalización vs. Verticalidade
Eido
Idioma Galego
Licencia Creative Commons BY-SA
Web https://www.diagonalperiodico.net
RRSS

A escola de La Prospe, no barrio de Prosperidad de Madrid, cumpre 40 anos impregnada pola solidariedade, o apoio mutuo e o traballo de base.

Félix Jiménez, membro da Escola Popular de Prosperidad

Nos 90 era bastante habitual atopar nas paredes de Madrid a pintada: “La Prospe Resiste”. A algúns, que eramos adolescentes, facíanos moita graza ver o nome do noso barrio de xeito tan reivindicativo por aí, sen entender demasiado que había detrás desa consigna. Nela estaba recollida a loita dunha Escola Popular polo uso do seu local contra as ansias especulativas do Arcebispado de Madrid, apoiadas polo Concello de José María Álvarez do Manzano. A época da “movida”, como a coñecemos coloquialmente na Prospe, foi a que maior difusión deu a este proxecto educativo, pero hai moita historia antes e despois daquela batalla.

A comezos dos anos 70, o barrio madrileño de Prosperidad iniciara o seu proceso de transformación do suburbio histórico que foi ao barrio de clase media-alta no que se converteu. Neses momentos convivían nel persoas que chegaran de diversos puntos do Estado buscando traballo e que non tiveran a oportunidade de estudar con mozos de formación universitaria que se interesaban por tendencias pedagóxicas innovadoras. Deste caldo de cultivo e á calor dunha parroquia “roja”, como ocorreu en tantos barrios, naceu en 1973 a Escola Popular de Prosperidad.

Durante os primeiros anos, na parroquia de San Juan de Ribera os grupos de alfabetización foron en aumento e os locais fóronse quedando pequenos. Así xurdiu a necesidade dun espazo propio e a Escola participou un 1977 na ocupación (aínda sen K) da Escola de Mandos de Falanxe, que quedara abandonada. Nela creouse o Centro Cultural Mantuano, que supuxo unha das primeiras experiencias de autoxestión dun espazo na cidade. Alí iniciouse a tradición de loita polos seus locais da Escola, xa que tivo que plantar cara ao intento de apropiación da cultura popular para si por parte do Concello de Tierno, que quería dispoñer do local para facer un centro cultural oficial, como segue a ser hoxe. Froito daquela loita conseguiuse en 1981 a cesión do antigo Colexio do Sagrado Corazón, que quedara en desuso.

Neste local da rúa General Zabala prodúcese o maior desenvolvemento da Escola, habilitado xa para dar o graduado escolar, realizando unha recoñecida labor de integración de persoas con diversidade funcional e drogodependentes, e ofertando as primeiras clases de castelán. Tamén daquel local a Prospe toma un dos seus símbolos, a popular “casiña”, caricatura daquel entrañable edificio.

A loita por ese local estendeuse durante dez anos desde a chegada do PP ao Consistorio, cando unha fría carta instaba á Escola a abandonalo para poñelo en mans do Arcebispado, que o cedera para fins educativos pero agora o necesitaba como peza nunha xogada especulativa. Iniciouse así unha dura loita en diversos ámbitos como o xudicial, o propagandístico e, sobre todo, a mobilización na rúa. Froito deses esforzos, e do apoio de numerosos colectivos e organizacións sociais, conseguiuse que a Consellería de Educación da Comunidade de Madrid cedese por 50 anos o local da rúa Luis Cabrera, no que estamos desde 2001.

Pero, ademais da loita por un espazo para desenvolver as súas actividades, os esforzos da Prospe foron continuos nas liñas do asemblearismo, a autoxestión e a educación popular. Neste sentido, as necesidades do barrio foron cambiando e as necesidades de alfabetización e graduado escolar foron deixando paso á aprendizaxe da lingua por parte da inmigración de fala non hispana e máis recentemente á alfabetización informática. Tamén xurdiron os Grupos de Aprendizaxe Colectivo, que prescinden da figura do monitor, explorando novas liñas de aprendizaxe de carácter máis horizontal.

Nos últimos tempos cambiou o perfil de persoas que participan no colectivo, cada vez menos do barrio e con novas formas de entender o compromiso e a militancia. Actualmente, La Prospe ofrece clases de español, informática e árabe; grupos de aprendizaxe colectivo sobre xénero, contrainformación, mecánica de bicicletas e alternativas económicas e un club de ocio para persoas con diversidade funcional. Tamén pon a disposición do barrio unha ampla biblioteca, unha tenda gratis e cine todos os domingos, ademais de festas e excursións. Razas ao auxe de experiencias organizativas e debido á escaseza de locais liberados en Madrid, temos a sorte de compartir o local con diversos grupos como o 15M Prosperidad, Stop Deshaucios Chamartín, a Solfónica ou a Universidade Libre de Madrid, entre outros moitos.

Pedagoxías que permiten empoderarse

Os principios educativos de La Prospe bebían de La sociedad desescolarizada de Ivan Illlich, pero sobre todo da Educación Popular de Paulo Freire. Este pedagogo brasileiro ideou un método de alfabetización que conxugaba aprendizaxes en lecto-escritura coa toma de conciencia sobre as propias situacións de opresión. Freire nega a absolutización da ignorancia e ofrece unha pedagoxía na que se dilúen os roles de educador e educando. Á calor destes postulados naceron moitas escolas populares nos barrios de Madrid coas que a Prospe estivo conectada a través dunha federación, a FEPAM.