Os dados que se ocultan cando se fala do aumento de postos de traballo

B2r71qvN 400x400.jpg


Autoría Eduardo Garzón Espinosa
Entidade
Ano
Temática Manipulación VS Transparencia
Eido
Idioma Galego
Licencia
Web http://www.attac.es
RRSS

Os dados ofrecidos polo Ministerio de Emprego revelan que a afiliación á Seguridade Social aumentou en febreiro de 2014 con respecto ó mesmo mes do ano anterior. Unha noticia que tanto o Goberno coma os grandes medios de comunicación presentaron coma un claro síntoma de recuperación no mercado laboral e, por ende, da economía española. Sen embargo, unha análise máis detallada dos dados e da situación obríganos a ser moito máis cautos á hora de valorar de forma positiva a noticia.

O informe do Ministerio de Emprego presenta unicamente dados do número de afiliados á Seguridade Social, pero non di nada do salario dos afiliados, nin de cantas horas traballan por xornada, nin si os contratos son temporais ou indefinidos, nin dos dereitos laborais inherentes ós contratos, etc. De forma intuitiva interpretamos coma boa noticia que o número de afiliados aumente porque, ó fin e ó cabo, o dado dinos que hai máis persoas traballando.

Non obstante, se non completamos esa constatación con outro tipo de observacións non estaremos en condicións de saber se a noticia é positiva ou non. Por exemplo, pode ocorrer que unha empresa aumente o seu persoal nunha unidade porque contrataron un novo empregado que vaia a traballar e a cobra-lo mesmo que o resto de empregados. Pero tamén pode ser que o faga porque despediron un empregado antigo e contrataron a dous novos traballadores que cobren e traballen cada un de eles a metade do que facía o outro. Neste caso a empresa seguiría practicamente na mesma situación (pagando algo parecido polo seu persoal, funcionando o mesmo número de horas, producindo o mesmo e obtendo os mesmos beneficios) pero nos dados reflectiríase un aumento no número de traballadores.

As horas, o dado de rigor

Este exemplo dunha empresa pode trasladarse a toda a economía e as conclusións son as mesmas: unha economía pode aumenta-lo número total de traballadores pero non aumenta-lo número total de horas traballadas e polo tanto non percibir ningunha mellora en produción, nin en contía salarial total, nin en beneficios, etc.

En calquera análise económico que poña o lente sobre o emprego, resulta “tramposo” usa-lo número de traballadores. O rigoroso é observa-lo número de horas xa que, ó fin e ó cabo, representan o tempo que se traballa nunha empresa ou nunha economía, e a súa relación tanto coa produción coma co salario é moito máis estreita. O que importa para saber canto se produce non é a cantidade de traballadores, senón o tempo que traballan.

Imos ver que diferente resulta analiza-lo emprego en España atendendo ó número de horas en vez de ó número de traballadores. Desde 2002 ata 2007, durante o boom impulsado pola burbulla inmobiliaria, a creación de postos de traballo foi colosal. Concretamente, o total de traballadores aumentou nun 19,3%. Sen embargo, o volume de horas traballadas creceu bastante menos: un 14,1% Isto quere dicir que a cantidade de horas traballadas por empregado reduciuse notablemente; ou o que é o mesmo, que na creación de emprego destacaron os postos de traballo a tempo parcial por enriba dos postos a tempo completo.

De 2007 a 2011, coa crise económica, a destrución de postos de traballo foi monumental: unha caída do 10,4%. En cambio, a redución do número de horas foi menor, da orde do 9,3%. Iso quere dicir que a cantidade de horas traballadas por empregado aumentou, debido fundamentalmente a que os postos de traballo que se destruíron foron fundamentalmente os de tempo parcial (precisamente os que se crearan de forma tan rápida nos anos anteriores).

A partir de 2012 produciuse un punto de inflexión causado polas reformas laborais (que precarizaron fortemente o traballo) tanto do PSOE coma do PP: só durante ese ano o número de postos de traballo descendeu un 4,2%, pero o número de horas fíxoo a un ritmo notablemente superior: 4,9%. Polo tanto, a cantidade de horas traballadas por empregado reduciuse, o que quere dicir que en termos xenerais o traballo fíxose máis precario.

Aínda que non hai dados oficiais posteriores a 2012, si podemos facernos unha idea da situación atendendo a outro tipo de dados. Por exemplo, o peso dos contratos a tempo parcial sobre o total non deixa de aumentar: mentres en 2006 esta proporción era do 23,2%, en 2013 x era do 35%. Isto quere dicir que de tódolos traballadores españois cada vez hai máis persoas que traballan menos horas do normal. E o 61,1% de todos eles faino de forma involuntaria. Por outra banda, a duración media dos contratos temporais minguou constantemente dende o inicio da crise: en 2007 a duración media era de 79,1 días, mentres que en 2013 foi de 54,7 días.

Polo tanto, sabemos que, por unha banda, un aumento do número de traballadores podería darse sen un aumento do total de horas traballadas, co cal nin a produción da economía sería maior nin tampouco a cantidade total dos salarios. Por outra banda, de pouco serve que aumente o número de traballadores se os contratos son fundamentalmente a tempo parcial e/ou cunha duración en días cada vez máis limitada. En consecuencia, unha análise máis detallada do mercado laboral revélanos que o aumento de afiliados á Seguridade Social nin é unha noticia tan positiva coma a pintan.

Reportaxe publicada no número de abril de La Marea